Conversas de maio

– Daste conta de que xa estamos en maio? Cantas sesións quedan para terminar a cúpula xeodésica do club de ciencias?

– Non te preocupes, vai dar tempo!

– Non me preocupo, pasámolo ben no taller. Agora xa sabemos como vai cada una desas arestas, os nodos… é divertido, tan doado como coller unha agulla e un fío e ir aos poucos unindo…

– Vaia comparación! Iso é porque non probaches a furar o ferro dos nodos, o torno botaba fume! Eu nunca vin unha agulla botando fume! Bueno… igual as dos talleres eses de Pakistán… Onde é esa cidade na que cosen os balóns de fútbol das famosas marcas deportivas que che gustan?

– Nin idea, eu non xogo nin me interesa o fútbol, pero iso será na China!

– Que non! Que che digo que é en Pakistán… como se chamaba ese sitio?… déixame buscar no móbil… se non fóra por él… xa non lembro nada… en Sialkot! Ese era o lugar!

– Bueno, que máis dará! Teñen traballo, iso sí é unha gran industria! Agora xa non se fabrican os balóns de antes, os hexapenta… esas empresas… meten cartos en investigación…imaxínate! Co obxectivo de fabricar un balón óptimo para gañar os mundiais de fútbol!

Muller en Pkistán cosendo balón
Sialkot, a cidade dos balóns. Na imaxe, unha muller cose un balón na súa casa rodeada dos seus fillos. Fonte: El País

– Os hexapenta?

– Si muller, recordas cando empezamos a construir a cúpula xeodésica? A súa estrutura? Caras triangulares que se unen formando módulos pentagonais e hexagonais… pois iso…HEXAgonais e PENTAgonais… HEXAPENTA

– Pasou xa tanto tempo diso!… Sabes qué? Últimamente traballamos con piloto automático… a facer módulos e repetir, repetir… como en Sialkot!

– Non facemos outra cousa dende vai semanas… lembras o proxecto inicial de deseño do xardín… a que xa non pensas nel? Fuches ver se medraron as árbores que plantamos? Viches como ían as framboeseiras? Hai algún paxariño nas casas-niño do patio?

– Non lle adiquei moito tempo, a verdade… é que estamos en maio! Non quedan apenas sesións do club de ciencias para rematar a cúpula xeodésica, hai unha chea de madeiras ainda por marcar, cortar… lembra que eran 65 arestas! Temos só 20 preparadas, e nodos… 26 e temos furados 12! e exames… e traballos

– Que si, que si… Enterácheste que nos recreos dos mércores leuse O principiño na biblio? Cando sobes e baixas ás clases, ao taller… pasas pola biblioteca, decatácheste de que están medrando alí unha chea de flores!

– Na biblioteca?

– Si, na entrada da biblioteca! Vés? Vas en piloto automático…

– Como ían medrar flores na entrada da biblioteca?

– Pois si! Un xardín! Hai unha chea de libros de O Principiño, en diferentes linguas, unidos por fíos de cores amarela e azul…

Exposición de edicións do Principiño en varias linguas na entrada da Biblioteca.
Fonte: https://etikeles.wordpress.com

– Vaia idea máis rara de xardín que ves ti! Son libros… e fíos… e fíos unidos! Ves? Nodos e arestas! Como a cúpula xeodésica! Temos que ir rematar o que falta, que non chegamos a tempo! Que xa é maio!

– Que si muller… precisamente é maio e eses fíos amarelos e azuis son por algo… son as cores da bandeira de Ucraína… que continúa en guerra… que estamos en maio… e continúa a maldita guerra…

– Pero mira que es paliza! Agora vésme con Ucraína! Gústache viaxar, non si? Sempre estás nalgún planeta…

– Si, no Asteroide B 612! Cantos km de fío cres farán falta para unir a Terra co Asteroide B 612? E para abrazar un baobab?

– Definitivamente… Veña, colle as instrucións e imos ver se convencemos a alguén máis da clase para medir, cortar madeiras e traballar na cúpula hexapenta esa ou como se diga, a ver se convencemos a alguén dicíndolle que é coma un balón… ou un asteroide!

– Imos!… O escritor de O Principiño era piloto de aviación e durante a segunda guerra mundial o avión que pilotaba foi abatido por un caza… e caeu ao mar!

– Que si, que si… e para probar a extinción dos baobabs foi necesario facer unha chea de probas de datación por carbono -14…

– … cando rematemos a cúpula esa… cres que aparecerá unha nova variante do virus? A xeometría de moitos virus é icosaédrica! Que che parece se facemos as sesións de club de lectura e club de ciencias dentro da cúpula xeodésica?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s